aulaMultimediaA Formación Profesional ten por finalidade preparar ao alumnado para a actividade nun campo profesional determinado e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poden producirse ao longo da vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento persoal e á aprendizaxe permanente.

Hoxe en día, en plena “era dixital”, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) resultan imprescindibles en calquera área de traballo polo que deben integrarse definitivamente na educación se se pretende formar a bos profesionais. Por ese motivo e porque está demostrado que a calidade dos procesos de ensino pode mellorarse moito mediante a utilización das TIC na aula, resulta esencial que os Centros Educativos que imparten Formación Profesional dispoñan de espazos con recursos multimedia adecuados.

FUNDESAR é sensible a esta necesidade e desde hai anos contribúe á potenciación da aprendizaxe a través do uso destas ferramentas; de feito, foi quen dotou de aula informática aos CPR – EFAs de Galicia. Actualmente, gracias en boa parte a esa axuda, a EFA PIÑEIRAL conta coa conectividade e o equipamento material básico, así como cun profesorado concienciado e formado respecto ao aproveitamento das TIC na práctica educativa. De tódolos xeitos, a directiva é consciente de que os recursos dispoñibles aínda non son suficientes e para poder seguir mellorando nesta dirección, PIÑEIRAL acude de novo a FUNDESAR solicitando axuda a fin de conseguir a plena dixitalización das súas aulas.

Analizada a situación, a Fundación comprometeuse a colaborar coa EFA PIÑEIRAL e buscar os recursos necesarios para mellorar os seus dispositivos de hardware e software. En concreto, propoñémonos alcanzar nos 2 próximos anos os seguintes obxectivos:

  • Dotar todas as aulas co seguinte EQUIPAMENTO: vídeo proxector fixo con soporte no teito, encerado dixital interactivo e un computador portátil para o posto de profesor, ademais da conexión a internet ultrarrápida (cunha velocidade de descarga de ata 200 Mbps e velocidade de subida de ata 25 Mbps), e polo menos una delas con altofalantes auto amplificados con soportes de parede, caixa de conexións e cableado de 10 m.

  • Mellorar as competencias do PROFESORADO na utilización das TIC e o seu coñecemento das principais aplicacións de utilidade no seu campo, de maneira que estean en disposición de conseguir os resultados esperados, mediante o uso de procesos innovadores (non só pola ferramenta que utilicen senón pola adecuación do seu uso na metodoloxía pedagóxica ou no proceso de traballo).

  • Fomentar a difusión e o emprego das TIC en toda a COMUNIDADE EDUCATIVA, docentes, alumnos e familias.

  • Adquisición de fondos – LIBROS DIXITAIS – para a biblioteca do centro.

Colabora coa túa achega a este proxecto.