FUNDESAR constitúese en Vigo o 4 de febreiro de 1999 ante o notario Santiago Botas Prego co nome de "Fundación para a Promoción e Desenvolvemento rural".

Como se recolle nos seus estatutos e dedúcese do seu propio nome,a misión de FUNDESAR é o desenvolvemento do mundo rural galego a través de tres grandes liñas de actuación: a formación das persoas que o habitan, a dinamización socio-económica do medio e a acción social.

Por Orde de 24 de marzo de 1999 da Consellería de Presidencia e Administración Pública, a Fundación queda clasificada como benéfico-docente e adscrita á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Tres meses máis tarde o titular desta última Consellería, mediante unha Orde que asina o 18 de maio de 1999 (DOG nº 102, de 31 de maio), recoñece a FUNDESAR e ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, onde se incorpora co número 1999/11.

A Fundación é propietaria dos inmobles onde se sitúan os Centros de Promoción Rural-EFA Fonteboa e O Piñeiral, no muncipio de Coristanco e Arzúa respectivamente, e apoia a actividade do Centro de Promoción Rural -EFA da Cancela, nas Neves. Fundesar participa da mesma filosofía que estas entidades educativas e vela polo seu bo goberno corporativo, aínda que non intervén directamente na súa xestión.

As EFAs de Galicia forman parte da Unión de Escolas Familiares Agrarias (UNEFA) que agrupa a 26 centros en todo o Estado que a súa vez se integran na Asociación Internacional de Maissons Familiales Rurales (AIMFR) que agrupa a máis de 1400 Centros en todo o Mundo. En España consittuíronse a partir de 1967, dentro do marco dun programa de desenvolvemento local con ensino profesional para os fillos das persoas do medio rural inspirado no modelo francés das Maisons Familiales Rurais (MFR). Xunto á formación en alternancia (aula-empresa), son principios esenciais do seu ideario o humanismo cristián, entendido como atención prioritaria ás persoas, a liberdade responsable, o traballo en equipo, o respecto a todos e a ética profesional.

Coñecedores da necesidade de achegar unha axuda externa para garantir o mantemento deses centros en Galicia e facer así viable o desenvolvemento dos seus fins, que non se esgotan na mera educación académica regrada, algunhas persoas deciden constituír esta fundación. FUNDESAR nace, así, coa ilusión de apoiar aos mozos desde a súa etapa de formación inicial ata a súa plena integración profesional, de modo que poidan estar entre os protagonistas do desenvolvemento social, económico e cultural das súas comarcas, e por extensión, do medio agrario galego.

No ano 2015, tras máis de tres lustros de actividade, este compromiso revalídase e se ampla. FUNDESAR ten a aspiración de chegar a máis e contar con novos colaboradores que, en exercicio da responsabilidade social que a todos compete, individual ou corporativamente, únanse a nós para o acrecentamento do ben común no medio rural.